O CIM Santiago na loita contra a violencia de xénero: “30 anos facendo camiño”


A concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, acompañada por Cruz Dafonte, consultora social e autora da obra, e Teresa Furelos, responsable do servizo de Igualdade, presentou esta mañá “30 anos facendo camiño”, unha reportaxe audiovisual que fai un percorrido polo traballo realizado polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Santiago, desde a súa creación en 1991, para combater a violencia de xénero e axudar ás súas vítimas Esta peza será proxectada o vindeiro luns 26 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.

“30 anos facendo camiño” pretende achegar unha ollada interdisplinar da violencia de xénero a través do relato de profesionais de diferentes recursos locais cos que habitualmente se coordina o CIM e a súa evolución ao longo dos seus trinta anos de vida.

Así, esta reportaxe analiza como cambiaron ao longo do tempo as intervencións en violencia de xénero, respondendo a cuestións como se a sociedade está hoxe máis sensibilizada, se aumentaron as denuncias, se se están identificando novas formas de violencia contra as mulleres e cales son os retos para combater as violencias machistas. A edila de Igualdade tamén convidou a toda a cidadanía á proxección pública deste documental que terá lugar o vindeiro luns 26 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.

CIM Santiago

O CIM é un servizo de información ás mulleres, dependente da Concellaría da Igualdade do Concello de Santiago, que ten como obxectivo dar atención integral ás vítimas de violencia de xénero e procurar a igualdade real entre mulleres e homes.

Este servizo ten diferentes competencias: asesoramento e a información sobre os dereitos das mulleres, informar acerca de cuestións xurídicas, a promoción da participación social, a atención psicolóxica ou a atención en situacións de violencia de xénero ou de vulnerabilidade.