O CIS publicou este mércores a súa sondaxe preelectoral para as eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo. O estudo prognostica unha clara maioría absoluta para o PP de Alberto Núñez Feijóo, que chegaría ao 46% dos votos e entre 40 e 42 escanos (no 2016 obtivo o 47,5% e 41 deputados). O descenso na estimación de voto para os populares non tería o mesmo efecto nos escanos que lle son asignados, en boa medida pola maior fragmentación do voto nas restantes forzas.
O PSdeG-PSOE recuperaría a segunda posición que hai catro anos correspondeu a En Marea; os socialistas obterían o 19,5% dos votos (17,9% en 2016) e entre 16 e 18 escanos (fronte aos 14 actuais). O BNG sería a terceira forza, medrando con notoriedade, e sumando o 16,8% dos apoios e entre 12 e 14 deputados/as, o que implicaría duplicar o seu resultado (8,36% e 6 escanos). A enquisa outorga a Galicia en Común o 7,2% dos votos e entre 4 e 6 escanos, aínda que estaría moi preto de chegar ao 5% necesario para obter representación por Lugo.