O Clinic de baloncesto Concello de Carballo reunirá a 90 adestradores no Vila de Noia

acto de presentacion

A primeira edición do Clinic de baloncesto Concello de Carballo reunirá este sábado a 90 adestradores/as no pavillón Vila de Noia. O número de inscricións supera as mellores expectativas, e tanto dende a Concellaría de Deporte como dende a Escola Basket Xiria, promotores da iniciativa, confían en que esta boa acollida sexa un primeiro paso para a súa consolidación.

Entre os referentes das bancadas do baloncesto estatal que estarán en Carballo figura o coruñés Óscar Lata Alonso, que vén de fichar como adestrador do Melilla. Destaca a súa vinculación coa vila, xa que dirixiu o Basket Xiria dende o 2004 ata o 2006 e foi un dos artífices do ascenso a Liga EBA. Quixo estar tamén na presentación do Clinic, porque, como manifestou, “a verdade é que me fai unha ilusión especial estar nesta primeira edición, que oxalá sexan moitas máis, e formar parte do cartel”.

Con el estiveron o presidente e o director deportivo do club, Primitivo Reguera e Arturo Ferraces, respectivamente; o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que se amosou especialmente contento de poder volver a saudar a Óscar Lata, ao que felicitou pola súa traxectoria e desexou que siga sumando éxitos deportivos. O alcalde agradeceu tamén a iniciativa do Basket Xiria para seguir dinamizando e promocionando o deporte dentro e fóra do concello.

O presidente da Escola Basket Xiria, pola súa banda, agradeceu a predisposición do Concello de Carballo para poñer en marcha esta iniciativa. “Creo que temos capacidade para que se consolide, e penso que lle vai dar visibilidade ao deporte carballés, ao Basket Xiria e a Carballo”, manifestou Primitivo Reguera.

O 1º Clinic Concello de Carballo, conta coa colaboración da Federación Galega de Baloncesto e está enmarcado no programa da Escola de Adestradores impulsada polo club carballés e dirixida por Fernando Buendía, que, aínda que non puido asistir á presentación, foi o responsable da confección do cartel.

O clinic ten como finalidade axudar na formación do/a xogador/a, servir coma referencia para os adestradores de base, e que poidan aplicar cos seus xogadores os coñecementos recibidos. Unha charla pola mañá e dúas na sesión de tarde conforman o programa do clinic, que convalidará 12 horas de formación nos cursos da FEGABA e que nace coa idea de converterse nun clásico de estas datas na comarca de Bergantiños.

Para conseguilo estarán presentes tres adestradores de primeira:

  • Víctor Tomás Pérez Bermúdez, (Santiago, 1973). Adestrador axudante do Obradoiro e un dos artifices do gran traballo individual dos xogadores que pasaron polo club como ponte á Euroliga ou NBA. Falará ás 12.00 horas sobre “Traballo específico das mans para a mellora dos xogadores”.
  • José Ramón «Jota» Cuspinera Diéguez (Getxo, 1970). Adestrador de clubs como Estudiantes, Baskonia, Fuenlabrada ou Real Madrid. Falará ás 16.30 horas do “Uso de espazos para o desenvolvemento do xogador”.
  • Óscar Lata Alonso (A Coruña, 1974). Ex adestrador de Basket Xiria, conta cunha ampla experiencia como adestrador axudante en ACB ou Euroliga, actualmente no UCAM Murcia. Pechará a xornada ás 18.30 cun relatorio sobre “Xogo de cara, busca de solucións individuais”.