O club de atletismo Terra de Soneira CD volve con forza e cunha imaxe renovada

1 minutes read

O Concello de Vimianzo colabora co club de atletismo Terra de Soneira CD que, tras as restricións derivadas no seu momento pola pandemia da Covid-19, volve con máis forza e cunha nova imaxe.

O Terra de Soneira CD creouse no ano 2014 sendo un dos poucos clubs federados en atletismo da comarca e chegando a contar con máis de 120 socios e socias, logrando así ser un referente na zona con atletas que compiten a nivel galego.

O club conta agora cun novo equipamento que inclúe un logo renovado e un elemento característico do patrimonio do municipio: un dolmen. Unha proposta diferente coa que o club busca dar unha nova imaxe para incentivar o deporte entre a xente de todas as idades e xéneros.

A directiva do equipo está formada por cinco mulleres: Esther Ameijeiras como presidenta; Vanessa Caamaño Pérez como tesoureira; Paula Trillo Calo, secretaria; e Tamara Pose e Elida Ageitos como vocais.

Terra de Soneira CD tamén destaca por ser o organizador da clásica carreira ‘ Legua Irmandiña’ que se celebra o anterior sábado do Asalto ao Castelo con meta na propia fortificación.