O Club de Lectura Baiolendo galardoado con 2.500 euros polo Ministerio de Cultura

1 minutes read

O traballo arredor da lectura do IES Maximino Romero de Lema viuse recoñecido polo Ministerio de Educación que na súa resolución do 9 de decembro concede un premio de 2.500 euros aos logros acadados polo Club de Lectura Baiolendo.
Na edición premiada foron sete os clubs de lectura organizados con protagonismo de 58 alumnos e alumnas. Neste premio recoñécese tamén o labor do profesorado encargado de coordinar o bo desenvolvemento de todo o proceso.
Todo un amplo elenco de actividades conformaron o encontro cos libros e coa lectura: recensións de libros; photocoll de Candorcas e unicornios, de María Canosa; encontros literarios (con Laura Suárez, Nee Barros, Arantza Portabales); fotografías que recollen a esencia literaria; encontros trimestrais compartindo doces e reflexións das lecturas realizadas; elaboración de marcapáxinas; creación de vídeos ao redor da lectura; roteiro literario…
Este recoñecemento outórgalles folgos renovados para seguir apostando pola lectura como forma de aprender, de coñecer, de achegarse a universos distantes, a entender a importancia do noso patrimonio cultural que tecen escritoras e escritores, e, sobre todo, de compartir a experiencia da literatura. Como finalizaba a memoria enviada ao Ministerio, “Cada libro ten unha luz. Cada lectura alumea un universo de resonancias. Baiolendo é iso e moito máis”.