O Club Sysca organiza en Carballo unha nova edición do Memorial Carlos Servando

1 minutes read

O Memorial Carlos Servando terá lugar esta fin de semana na piscina Carballo Calero. Este trofeo, que se trata do máis antigo que se disputa no salvamento e socorrismo galego, será organizado, como cada ano, polo Club Sysca. Nesta edición a organización optou por dividir o memorial en dúas xornadas: a primeira será unha competición de substitucións e a segunda, un campionato de distancias curtas.
A primeira xornada do trofeo celebrarase o sábado 21 pola tarde, a partir das 16.30 horas, na que competirán as categorías alevín, infantil e cadete. Ao longo desta sesión disputaranse varias probas de substitucións, as cuales serán 4×50 metros natación con obstáculos, 4×50 metros relevo combinado, 4×25 remolque de maniquí (ou 4×12’5 metros, no caso dos alevíns) e 4×50 metros natación con aletas.
O domingo 22 pola mañá, a partir das 10.00 horas, será a quenda para as categorías xuvenil, júnior e absoluta. Nesta xornada cambia o formato, xa que, ademais de haber substitucións, haberá 5 probas individuais da modalidade de distancias curtas, que serán: 50 metros natación con obstáculos, 50 metros socorrista, 25 metros remolque de maniquí, 50 metros combinada de salvamento e 50 metros rescate de maniquí con aletas.
O memorial, que servirá para dar inicio á tempada 2023/24, contará coa participación de 79 deportistas do Club Sysca ao longo dos dous días. Tamén estarán presentes socorristas de varios equipos galegos.