Tivo lugar en Narón unha nova edición do Campionato Galego de Tiro con Arco ao Aire Libre, no que o club Dousxsetenta, en representación do Concello de Vimianzo, participou cun total de nove deportistas nas categorías Benxamín, Alevín, Sub15, Sub21, Sénior e +50.
Na xornada do sábado competiron Antía Rey e Eric Lavandeira na categoría benxamín, Antón García na alevín e Nico Soto e Yago Rellán na sub15. O domingo foi a quenda de Paula Vázquez na categoría sub21, José Vázquez e Manuel Soto na sénior e Dorita Lavandeira na +50.
Os resultados obtidos reflicten o alto nivel deportivo do club. Antía Rey proclamouse campioa galega na categoría benxamín. Nico Soto acadou a medalla de bronce en Sub15, nunha final de consolación disputada co seu compañeiro de equipo Yago Rellán, que rematou en cuarta posición. Paula Vázquez proclamouse subcampioa galega na categoría sub21 unificada, mentres que José Vázquez tamén logrou o subcampionato na categoría sénior. Pola súa parte, Dorita Lavandeira alcanzou a segunda posición na categoría +50.
Ademais, Eric Lavandeira obtivo o cuarto posto en benxamín, Antón García rematou en quinta posición na categoría alevín e Manuel Soto clasificouse no posto 17 de categoría sénior.
Desde o Concello de Vimianzo trasladaron os “nosos parabéns a todas as persoas participantes pola súa dedicación e o compromiso amosado ao longo de toda a competición. Son resultados brillantes á altura dun club brillante”.