Deste xeito flexibilízanse as visitas dos seres queridos, é dicir, seguirán sendo con cita previa, pero permitirase que vaia máis dun familiar á vez, co límite que marquen as posibilidades de organización de cada centro, incidindo en que a recomendación é que nas visitas non se xunten máis de dous familiares de cada vez.
Por outra banda, retomaranse tamén as saídas socioculturais das residencias, sempre en compañía do persoal. E, nos centros de día, recupéranse as rutas de transporte aos centros con normalidade; ademais de decaer outras obrigas como a de cubrir a enquisa epidemiolóxica, cambiar o calzado ou, no caso de profesionais, mudar de roupa en cada saída ao exterior.
No tocante ás precaucións, os usuarios que por calquera causa non estean vacinados deberán manter as medidas preventivas; mantense a obrigatoriedade da máscara para todos os residentes mentres non cambie a normativa actual; e consérvanse todas as recomendacións hixiénico-sanitarias como o lavado frecuente de mans ou a boa ventilación.