O Comité da CRTVG critica a xestión após o ciberataque á TVG

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG

O Comité Intercentros reclama á Corporación de Radio e Televisión de Galiza información “directa, urxente e actualizada” da afectación do ataque informático sufrido o pasado 25 de xullo sobre a filtración de datos persoais das traballadoras custodiados polo ente público.

A representación legal das traballadoras critica que, 3 semanas despois do ataque e malia ter solicitado unha xuntanza urxente para aclarar o acontecido, “a CRTVG limitouse a enviar 2 comunicados nos que se dan informacións vagas sobre as actuacións postas en marcha e sen ningunha información clara sobre os datos que poidan estar comprometidos”.

Nun contexto de crise e alarma como o actual, dada a caída dos sistemas de produción audiovisual e de xestión e de filtrados de datos, este órgano considera que a comunicación coa representación das traballadoras debera ser directa e constante, indicando as persoas responsábeis da protección de datos e da xestión da crise, para poder obter información actualizada que acalme as inquedanzas do persoal.

“A situación de filtrado de datos pode ter consecuencias importantes para as persoas afectadas e, aínda sendo conscientes das investigacións que poidan estar en marcha e puideran verse influídas, a CRTVG ten a obriga de comunicar ás afectadas e tamén á súa representación, en que situación se atopan”, indica o comité nun comunicado.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha