O Comité Europeo das Rexións destaca os servizos postos en marcha pola Xunta fronte ao Brexit

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas na sétima reunión do Grupo de Contacto CDR-Reino Unido posto en marcha en 2020 entre o Comité Europeo das Rexións (CdR) e as rexións e municipios británicos. Entre os seus obxectivos, este grupo trata de afianzar a cooperación a nivel subnacional entre a Unión Europa e Reino Unido para compensar os contactos perdidos polo Brexit. No encontro participaron membros do Comité das Rexións e tamén dos entes locais e rexionais británicos.

Durante a reunión, presentouse o estudo encargado polo Comité Europeo das Rexións baixo o nome Novas relacións comerciais e económicas entre a UE e o Reino Unido: o impacto nas rexións e as cidades, no que trata de explicarse o impacto do Brexit nas rexións europeas e os efectos do Acordo de Cooperación Comercial (TCA) UE-Reino Unido que entrou en vigor en 2021.

O estudo utiliza varios índices estatísticos para trazar un mapa coa exposición rexional aos efectos do Brexit baseándose nos principais sectores de especialización da economía europea: automoción, maquinaria eléctrica, produtos da madeira e mobiliario, e produtos agroalimentarios. Galicia amosa unha exposición máis acentuada neste último sector e, a nivel europeo, é unha das rexións cunha exposición medio-alta.

O estudo dá conta dos servizos postos en marcha pola Xunta para acompañar ás  empresas neste cambio de paradigma: o Servizo Igape Responde Brexit, que atende consultas específicas e inclúe unha ferramenta de autodiagnóstico personalizada para anticiparse e adoptar as medidas necesarias; a oficina Brexit en Londres para servizos de asesoramento directo no Reino Unido; servizos de información e formación, e o Cheque Brexit, que prevé unha axuda financeira para realizar un diagnóstico empresarial e a preparación de plans de continxencia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha