O compromiso coa reciclaxe de vidro consolídase en Galicia


Cada galego depositou durante o ano pasado unha media de 63 envases de vidro nos contedores verdes, unha cifra superior á media española (61 por persoa) e que supón ademais unha mostra do compromiso crecente coa recollida selectiva da cidadanía galega, que nun ano marcado pola covid conseguiron seguir reciclando máis e mellor.

Neste sentido, cómpre lembrar que a pesar do impacto que supuxo a pandemia para a actividade hostaleira, un sector tradicionalmente responsable de máis do 50% dos envases de vidro do mercado, a nivel doméstico a reciclaxe deste tipo de material aumentou.

De feito, estudos encargados por Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro que xestiona o reciclado deste tipo de residuos en España, conclúen que durante o pasado exercicio os cidadáns consumiron máis vidro nos seus fogares que outros anos pero tamén o reciclaron con maior intensidade. Este comportamento explica que, fronte a un descenso estimado nun 11% da circulación deste tipo de envases a nivel nacional, a caída do material recollido a través do contedor verde na Comunidade foi de tan só un 5%.

En concreto, os cidadáns galegos depositaron de forma separada case 50.000 toneladas de envases de vidro (49.380 toneladas) o que supuxo por termo medio uns 18,3 kg por habitante, é dicir, medio quilo máis que a media española.