As sensacións obtidas polo Concello de Vimianzo tras o balance realizado logo da clausura das actividades de Nadal non puideron ser mellores. A capital da Terra de Soneira brillou desde o acendido das luces de Nadal durante a ponte da Constitución e as iniciativas postas en marcha desde o goberno local fixeron posible que o ocio, a gastronomía e o pequeno comercio rexurdiran en espírito e tamén a nivel económico durante estas datas.
A gran pista de xeo natural instalada no núcleo urbano e a campaña do comercio local ‘Mercabolas’ foron dúas das iniciativas que más repercusión xeraron entre a veciñanza e os turistas, posicionando Vimianzo coma un reclamo turístico dentro da área da Costa da Morte e mesmo da provincia da Coruña.
Ademais, o programa Concilia Nadal favoreceu que a xente do municipio de Vimianzo puidera diversificar as súas actividades cotiás e ser partícipe dunha gran oferta cultural para todos os públicos, achegándose así durante as semanas máis festivas ata o núcleo urbano e potenciando o comercio de proximidade.
Desde o Concello agradecen a participación, implicación e apoio de todas as persoas que se achegaron ata Vimianzo durante este Nadal; ás entidades sociais e culturais que lograron facer da localidade un auténtico escenario teatral e de maxia; aos grupos sanitarios e de emerxencia que estiveron sempre ao carón da poboación por se se presentaba algunha complicación e tamén á veciñanza que confiou, un ano máis, nas políticas de ocio e lecer organizadas polo goberno local.
“Apostamos forte economicamente para celebrar unhas datas tan especiais abarcando diferentes sectores e creando iniciativas para todos os públicos que repercutisen positivamente no pobo, e lográmolo”, afirmou a alcaldesa, Mónica Rodríguez. “A confianza que depositaron todos os veciños e veciñas en nós fixo posible que desde o goberno local puidéramos implicarnos un pouco máis este ano para que Vimianzo brillara por todo o alto e os resultados están aí”.