O Concello aproba unha Oferta de Emprego para 2020 con 27 prazas de quenda libre

Xosé Sánchez Bugallo_ Fonte: santiagodecompostela.gal
  • Na Xunta de Goberno tamén se deu o visto bo á ampliación de horarios da hostalería con motivo das festas do Apóstolo e San Roque

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a Oferta Pública de Emprego para 2020. Tamén se deu o visto bo á ampliación de horarios da hostalería con motivo das festas do Apóstolo e San Roque e ao proxecto de mellora do estacionamento de Belvís.

A Oferta Pública de Emprego do Concello de Santiago para 2020 incluirá 27 prazas en quenda libre, das que 25 son prazas de funcionario/a e 2 de persoal laboral. A estas hai que sumar outras 19 prazas de promoción interna, das que 14 son para persoal funcionario e 5 para persoal laboral.

Convenios sociais
Na orde do día tamén figurou a aprobación de tres convenios con entidades sociais: Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home, por unha contía de 45.000 euros; Asociación Itínera de Voluntarios en Saúde Mental, por 5.000 euros e Escola de Tempo Libre Don Bosco, por unha contía de 5.000 euros.

Aparcadoiro de Belvís
Finalmente, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de mellora da accesibilidade e integración do aparcadoiro municipal en superficie do parque de Belvís, cun orzamento de 353.740 euros e un prazo de execución de catro meses. Sobre esta obra, o alcalde expresou a súas dúbidas en relación a que Tussa, debido á situación económica derivada da Covid-19, poida executala en 2020, polo que quedaría para o exercicio 2021.