As bases do certame foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste xoves e tamén poderán consultarse na web municipal www.alaracha.gal a partir do luns, cando abre o prazo de inscrición.
O certame faise co propósito de recoller imaxes que amosen a riqueza e diversidade do municipio -o seu patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas ou as súas xentes, etc.-, poñendo así en valor a beleza e identidade da Laracha a través da mirada dos participantes.
O concurso mantén as dúas modalidades das edicións anteriores e repartirá un total de 1.500 euros en premios.
Na modalidade Xeral establécense un primeiro premio de 600 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 250 euros. Cada participante poderá presentar ata tres fotografías inéditas en soporte dixital, realizadas dentro do termo municipal e facilmente recoñecibles como pertencentes á Laracha. Poderán facelo de xeito presencial (CD ou lapis de memoria) ou en liña (enviando as imaxes mediante algún servizo de transferencia de arquivos). O xurado, formado por profesionais dos ámbitos audiovisual e turístico e por un representante municipal, valorará criterios como o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade.
Na modalidade Redes Sociais, haberá un único premio de 250 euros para a fotografía que obteña máis reaccións positivas na páxina de Facebook de Turismo da Laracha durante o período de votación. Neste caso cada participante poderá enviar unha única imaxe en liña, e debe facelo cubrindo o formulario que estará dispoñible na web municipal.
En ambas modalidades, o prazo de inscrición abre o luns (20 de outubro) e finaliza o 13 de novembro.
Con A Laracha no obxectivo o Concello reafirma a súa aposta pola cultura, a creatividade e a participación cidadá, ofrecendo unha oportunidade á veciñanza e ás persoas visitantes de amosar o seu talento e, ao mesmo tempo, poñer en valor a beleza e o patrimonio do municipio a través da fotografía.