A Baña conmemora o Día das Letras cun vídeo da Ruta literaria «As rapazas de Xan»

O Concello da Baña estreou un documental sobre a Ruta literaria As rapazas de Xan, que percorre a parroquia de Cabanas amosando os lugares onde vivían as personaxes que Manuel Iglesias Turnes recolleu no seu libro, do mesmo nome, editado por Xerais Narrativa en 2012. Con este vídeo, o Concello conmemora o Día das Letras Galegas dun xeito diferente, ao non poder organizar unha andaina co alumnado do CPI San Vicente e coa veciñanza para inaugurar esta ruta de sendeirismo.

Dende Palleiros, comezo da ruta, hai unha visual xeral tanto de Cabanas (Cabanelas na novela) como da agra onde transcorre a novela. Sobredochán, o agro da Xesteira (onde Abel lle pega dous tiros a Sidoro, o violador da súa irmá), o Muíño do Medio, a carballeira do igrexario, a reitoral e o campo da festa de Cabanas son outros dos lugares que se poden ver no vídeo, producido por Alicentis SL con guión de Carme Pereiro, técnica de normalización lingüística do Agrupamento A Baña-Negreira.

Manuel Iglesias Turnes describe na novela o complexo tecido de relacións que compoñen a vida na aldea de Cabanelas nos difíciles tempos da posguerra, marcada pola ausencia de futuro e coa emigración como unha das saídas máis favorables. O vídeo remata tamén no monte de Pedra Longa, dende onde Xan, cheo de amargura, viu marchar para Montevideo a súa filla e a súa neta.

Ademais de conmemorar o Día das Letras Galegas ao destacar as obras dos autores locais (Manuel Iglesias Turnes é natural de Cabanas), con este vídeo o Concello da Baña quere poñer en valor o rural como lugar para vivir, e resaltar a calidade de vida e excelentes paisaxes que se poden gozar nunha aldea como Cabanas. “En tempos como os que estamos a vivir axúdannos a valorar a importancia do que temos máis preto”, sinala Mónica González, quen anima a todos os amantes da natureza a facer esta ruta literaria por Cabanas en canto a situación o permita. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha