- O servizo, habilitado para facer fronte a esta onda de frío, estará dispoñible ata o vindeiro luns
O centro cívico dos Mallos, na Coruña, abriu as súas portas ás 20.00 horas deste xoves para acoller ás persoas sen fogar da cidade debido á onda de frío. A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, asegurou que «o hostal que lles ofrecemos desde o inicio da pandemia ás persoas que viven na rúa está completo», polo que se buscaron alternativas. O servizo estará habilitado, polo menos, até o vindeiro luns ás 9.00 h.
A alcaldesa, Inés Rey, apuntou que o concello «está preparado para as demandas veciñais dunha terceira onda» e desde a administración local «decidiuse poñer en marcha unha medida dirixida á poboación máis vulnerable da cidade para combater o frío extremo que teremos nos vindeiros días».
Desde a concellería sinalan que no centro cívico municipal cumpriranse todas as medidas hixiénicas e de seguridade para evitar contaxios da Covid-19. Ademais, faráselles a todas as persoas que accedan un cribado básico de control da temperatura e sintomatoloxía do coronavirus. O servizo incluirá un espazo para pernocta e aseo, almorzo e cea.