A Coruña abre o luns 19 o prazo para solicitar praza como figurante na Cabalgata de Reis

1 minutes read

O Concello da Coruña abrirá o vindeiro día 19 a convocatoria para a participación de figurantes na Cabalgata de Reis 2023, que terá lugar o 5 de xaneiro, desde as 18.00 horas.

O número de prazas ofertadas como figurantes é de 235, e poden optar ás mesmas as persoas menores de idade que, a día 1 de xaneiro de 2023, teñan unha idade comprendida entre os 6 e 11 anos.

O período de solicitude de participación dará comezo o luns 19, ás 8.00 horas, e finalizará o mércores 21, ás 14.00 horas. As solicitudes en cuestión poderán formalizarse a través do formulario que estará habilitado na web do Concello, e ao que as persoas interesadas poderán acceder na seguinte ligazón, a da Inscrición para figurantes na cabalgata de Reis 2023 .