A alcaldesa, Inés Rey, supervisou as obras de urbanización que está a executar o Concello da Coruña no barrio de Xuxán, unha intervención sufragada con máis de 11 millóns de euros e que encara a súa recta final, tras iniciarse os traballos en xaneiro do ano pasado.
Neste sentido, a rexedora avanzou a “próxima apertura” da nova praza central do barrio, un espazo cunha superficie de 12.500 metros cadrados que conta cunha grande explanada “idónea para a programación de eventos públicos”, así como unha área de xogos infantís onde xa se habilitou un tobogán de seis metros de altura, unha tirolesa e unha gran pérgola.
“O obxectivo”, continuou Rey, “é que a praza estea aberta e á disposición da cidadanía antes das festas de Nadal”. A este respecto, xa remataron os traballos asociados á posta en servizo da iluminación pública. Tamén concluiron as obras de pavimentado e xardinaxe, polo que só resta por dispoñer o mobiliario urbano -en trámites de recepción- para completar esta intervención e deixar a praza plenamente operativa para os veciños.
Na visita á praza, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, así como polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.