O Concello da Coruña concede 133 axudas de Bono Taxi


O Concello coruñés a través da Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación, publicou a resolución definitiva da concesión das axudas para o transporte en taxi de persoas con discapacidade, máis coñecidas como Bono Taxi. Concedéronse 133 axudas das 175 solicitadas, sendo denegadas 38 peticións (12 destas por presentalas fóra de prazo) e 4 aínda se atopan pendentes de revisión por alegacións. A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, sinalou que “o goberno que dirixe Inés Rey destina 155.000 euros á concesión destas axudas económicas para persoas con discapacidade ás que lles é imposible utilizar os transportes públicos colectivos co fin de lles proporcionar un servizo alternativo de taxis para os seus desprazamentos diarios”. Cada persoa beneficiaria desta axuda municipal recibirá 1.090 euros en bonos por importes de 0,5, 1 e 3 euros para o seu uso como medio de pago nos taxis adaptados da cidade. No 2020 o importe que recibiu cada persoa subvencionada era de 700 euros. Esta diferenza supón un incremento do 55,7% no importe que recibe cada beneficiario/a.