O Concello da Coruña dará ata 6.200€ de axuda a cada autónomo

1 minutes read

O Goberno local vén de dar luz verde ás principais liñas de axudas do Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO). O plan aporta 6.235.000 euros en axudas para o mantemento da actividade, fomento do emprego e transformación dixital. Son fondos que os autónomos e pequenas empresas poderán comezar a solicitar nos próximos días.

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, explicou que as persoas interesadas terán de prazo ata o 15 de setembro de 2020 para presentar as solicitudes, e indicou que as axudas chegan a un máximo de 6.200 euros por persoa. «A reactivación económica da nosa cidade é unha prioridade. O Concello traballou desde o minuto un para lle facer fronte á pandemia da Covid-19, co obxectivo de non deixar a ninguén atrás, finalidade para a que está deseñado o PRESCO», indicou Lage Tuñas.

Nos vindeiros días o Goberno local concretará o resto das axudas do PRESCO, un plan aprobado de xeito unánime que suma 13,2 millóns de euros e que tamén aporta ferramentas para a reactivación social e cultural.