O Concello da Coruña descobre unha moeda romana no Castro de Elviña


O Concello, que leva a cabo uns traballos arqueolóxicos no Castro de Elviña, descubriu unha moeda romana, que data do século II despois de Cristo e que se atopa nun bo estado de conservación. Nela pódese recoñecer a imaxe de Faustina a menor, esposa do emperador Marco Aurelio e nai do emperador Cómodo. Os arqueólogos explican que a moeda estaba situada na capa vexetal, en niveis moi superiores. Sinalan que os procesos de formación do chan provocaron que este elemento se movera e quedara soterrado durante séculos ao medrar por riba a vexetación. En concreto, os profesionais localizárona no acceso suroeste do sector 16, na que xa estiveron realizando unha campaña en 2020 “que este ano se ampliou para restaurar o muro e a entrada, quitando toda esa capa vexetal”. A estratexia é que unha vez se terminen as escavacións, se proceda a restaurar todo o conxunto arqueolóxico, dentro dunha actuación global co fin de  “facer do Castro o gran parque cultural do interior da cidade”, recorda a alcaldesa, Inés Rey.