A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acordou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, impulsar diferentes proxectos de interese para A Coruña, como a construción do novo complexo hospitalario co que «sentamos as bases do futuro sociosanitario da cidade», dixo a alcaldesa. Ademais sinalou que «tras un ano durísimo en que a actualidade política e a xestión viñeron marcadas pola pandemia, a saúde é un dos obxectivos prioritarios» e agradeceu «a disposición do Goberno autonómico para que A Coruña acade mellores cotas de benestar e volva ser referencia do noroeste peninsular a nivel de dotacións, infraestruturas e benestar social».
Inés Rey apuntou que o convenio sobre o Chuac asinarase este mes, co fin de «ampliar un hospital que xa é unha referencia en Galicia e no Estado, para o dotar de máis medios materiais». Unha reunión, apuntou a alcaldesa da Coruña, que se enmarca dentro «da normalidade das relacións institucionais que procuramos desde o Concello e así o levamos facendo desde a primeira toma de contacto en xullo de 2019».
Feijóo sinalou que “Esperamos poder iniciar o replanteo das obras a partir do 15 de xaneiro e poder, de forma inmediata, executalas cun prazo de 14 meses, co obxectivo de finalizar o primeiro edificio do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña a principios do ano 2022”, explicou, aseverando que as obras do novo CHUAC suporán “o maior investimento feito polo Goberno galego en 40 anos na cidade”.