O Concello da Coruña e o Estado selan o impulso da Axenda Urbana 2030


A alcaldesa, Inés Rey, e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, asinaron en Madrid o protocolo xeral de actuación entre o Goberno do Estado e o Concello da Coruña, co que se materializa a colaboración entre ambas as institucións para conseguir os obxectivos marcados pola Axenda 2030 e mais polas axendas urbanas internacionais. O ministerio comprométese a asumir as competencias relativas ao seu desenvolvemento, difusión e actualización permanente e a cooperar co Goberno local para que se apliquen as cuestións aprobadas a este respecto. Tamén fomentará e elaborará estudos e traballos de investigación relacionados con políticas urbanísticas e do solo, cuxa información recompilará e difundirá. Desde o ministerio destacaron que A Coruña foi o primeiro concello que, “consciente do potencial da metodoloxía de traballo proposta pola Axenda Urbana Española, se ofreceu para elaborar a súa estratexia a modo de ‘proxecto piloto'”.