O Concello da Coruña habilitará 87 novas hortas urbanas no parque Adolfo Suárez

Reforza así a súa aposta pola recuperación e rehabilitación dos espazos públicos do Agra do Orzán, onde se executarán traballos para a posta en marcha de novas hortas urbanas no parque Adolfo Suárez, un proxecto que se executará nun prazo de seis meses e que vén de ser adxudicado á empresa Arce Jardinería.

O Goberno de Inés Rey levará a cabo un investimento de 305.966,20 euros, cofinanciados con Fondos FEDER, para intervir nunha superficie de 4.478,22 metros cadrados nos terreos de acceso ao parque Adolfo Suárez. En total, crearanse 87 parcelas, de 28 metros cadrados de superficie por unidade, adaptadas para as usuarias e usuarios con mobilidade reducida.

O proxecto das hortas urbanas en Adolfo Suárez, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente, pretende unha implantación adaptada ao terreo, sacando o máximo proveito da pendente coa orientación que ofrece, conseguindo un ángulo solar adecuado e a protección dos ventos que chegan do norte. Para isto, levarase a cabo unha intervención mínima que reconfigurará a xeometría da parcela. 

A vexetación xoga un papel fundamental na intervención, xa que, xunto aos muros de pedra que se disporán no circuíto de hortas urbanas de Adolfo Suárez, impulsará a diversidade biolóxica do parque ao atraer insectos, paxaros e máis fauna útil.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha