Cambiarase o céspede para adecuar un de última xeración, modificarase o sistema de rego automático e renovaranse os vestiarios.
A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que «este é un paso máis na aposta do Goberno local por fomentar o deporte base da cidade e por dotar de boas instalacións á práctica das distintas especialidades». A rexedora tamén explicou que estas obras de rehabilitación son un compromiso do seu goberno desde o inicio do mandato e responden a unha demanda das usuarias/os: «Estes campos, polos que cada mes pasan 18.400 persoas, son un dos epicentros deportivos da cidade, e por iso necesitan que a infraestrutura se adapte ás necesidades das persoas que os utilizan».
Esta actuación, que conta cun investimento municipal de máis dun millón de euros, ten un prazo de execución de catro meses, aínda que poderían reducirse. O novo céspede homologado permitirá a práctica do rugby, ademais do fútbol. Deste xeito, daráselles resposta ás demandas dos clubs de rugby da cidade, que pedían unhas instalacións adecuadas para a práctica deste deporte.