O Concello da Coruña comprométese a intervir e axudar no que faga falta ás persoas mariscadoras da ría do Burgo para que se resolvan as compensacións económicas ás e aos 80 mariscadoras profesionais polo tempo de paralización da súa actividade durante as obras de dragaxe da ría cullerdense. Así o manifestou a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade, Esther Fontán, despois de reunirse en María Pita co patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Felipe Canosa; e os directivos da Agrupación de Marisqueo a Pé, Manuel Baldomir e Santiago Vázquez. Fontán apuntou que o executivo de Inés Rey instará a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado a «compensar ás persoas mariscadoras da ría do Burgo polas perdas económicas ao teren que paralizar a súa actividade mentres non se garantan as condicións óptimas para a práctica do marisqueo con total normalidade». Así, a concelleira indicou que «o Goberno local tratará directamente este asunto que é de vital importancia para nós co novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones».
33