Trátase dunha intervención solicitada pola cidadanía a través dos Orzamentos Participativos e que permitirá ampliar a zona de xogos infantís e incrementar a cantidade de bambáns, abrindo máis o abano de idades para o uso e disfrute do parque. As actuacións previstas inclúen, en primeira instancia, a renovación do pavimento de caucho para mellorar a seguridade e comodidade das nenas e nenos usuarios.
Ademais, o servizo municipal de Infraestruturas, e segundo o formulado polas veciñas e veciños do barrio, ten previsto acometer a unión das dúas áreas de xogos infantís existentes, separadas entre si actualmente. Baseándose no proxecto de reforma xa aprobado, ambas as parcelas pasarán a estar conectadas, dándolle forma a unha única área, rectangular, situada na súa localización actual, fronte ao Centro Cívico dos Mallos.