O Concello da Coruña mellora a accesibilidade en catro paradas de autobús

Concello da Coruña

  • As obras realizaranse no barrio de Castrillón, Os Rosales e Monte Alto

O Concello da Coruña continúa traballando na accesibilidade das paradas de autobús que hai nos diferentes barrios da cidade. Nestes meses de outubro e novembro iniciaranse obras en catro destas zonas que se atopan no Castrillón, Monte Alto e Os Rosales.

No barrio do Castrillón poderían comezarse os traballos este mesmo mes de outubro. Trátase das paradas situadas na rúa Antonio Noche (nº 10) e na rúa Vicente Aleixandre (nº 55), nas que se instalará un saínte para mellorar a accesibilidade desde a rúa. Esta actuación atende a unha demanda veciñal formulada pola asociación de veciños do Castrillón.

Outra das intervencións darase na parada de autobuses da rúa Emilio González López (nº 54), no barrio dos Rosales. A obra xa está adxudicada e está previsto que comece despois da ponte festiva do 1 de novembro. A última das paradas que se atopa a piques de ser reformada é a da rúa Santo Tomás (nº 2), en Monte Alto. Neste lugar achegarase a beirarrúa á calzada para que o bus non teña que realizar manobras complexas para aproximarse.

No que vai de mandato a concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade leva investidos 330.000 euros na renovación de vinte paradas do servicio municipal de autobuses. «O noso obxectivo é facer o transporte público accesible a todas as persoas con estruturas adecuadas que xa son unha realidade en moitos dos barrios da Coruña», sinala o concelleiro Juan Díaz Villoslada. Coas catro paradas que serán adaptadas nas próximas semanas o goberno local levará investidos case 400.000 euros na mellora da accesibilidade destas estruturas.