O Concello coruñés, a través do Servizo de Infraestruturas, comezou a asfaltar o Paseo da Dársena nun proxecto integral de saneamento que comprende tanto esta vía como o Paseo do Parrote. Concretamente, intervirase no firme do tramo comprendido entre Porta Real e Ánimas.
A alcaldesa da cidade, Inés Rey, sinalou que esta actuación era xa «unha vella demanda do transporte público e a veciñanza da zona» xa que «desde hai oito anos non se realiza un saneamento integral nesta vía, máis alá de tapar as fochas ocasionalmente». A estrada, apuntou Rey, amosaba signos evidentes «de gran deterioración».
Desde o Servizo de Infraestruturas explican que nesta actuación, que se executa a través do contrato municipal de reparación de calzadas, elevarase a zona asfaltada para crear unha plataforma única e eliminar así os problemas de accesibilidade que presentan as beirarrúas nalgúns tramos.