O Concello da Coruña organiza obradoiros de control do estrés e da ansiedade


O proxecto, que se levará a cabo no Centro Cívico da Cidade Vella a partir do próximo día 6 de xuño, atende a dúas circunstancias relacionadas coa saúde mental que se detectaron desde os Servizos Sociais do Concello e que non están suficientemente cubertas desde a Sanidade autonómica. Por unha banda, no obradoiro de dó traballarase sobre como afrontar a perda de seres queridos; e por outro lado, no taller de estrés e ansiedade buscaranse ferramentas para paliar a ansiedade e o estrés xerados tanto por unha perda persoal como por outras situacións vitais (perda do traballo, soidade, efectos emocionais da Covid-19…). Os talleres son gratuítos e están dirixidos a persoas maiores de 16 anos, o prazo de inscrición está aberto.