O Concello da Coruña recoñece o esforzo dos mellores estudantes nas ABAU

1 minutes read

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita as e os estudantes con mellores expedientes nas probas ABAU dos centros educativos da cidade. A alcaldesa expresoulles en nome de toda a Corporación o seu «orgullo, porque nesta, a segunda selectividade da pandemia, superastes todas as expectativas», e felicitounos «polo vosos resultados, polo voso traballo e polo voso novo camiño». O alumnado, acompañado no acto por familiares e profesorado, recibiu un agasallo que lle foi entregado pola alcaldesa. Rey sinalou que nunha situación marcada por unha pandemia global, con clases condicionadas polas restricións sanitarias, cun curso, non só este, senón o de 2020, «demostrastes ser unha xeración capaz de derrotar á adversidade e seguistes loitando polos vosos soños, polo voso camiño, para alcanzar esta primeira meta vital cuns extraordinarios resultados». Inés Rey explicoulles que o Goberno local comprometeuse a poñer en práctica políticas encamiñadas a desenvolver oportunidades e desatacou o impulso da Cidade das TIC, o maior polo de atracción tecnolóxica de Galicia, para o futuro da xuventude da cidade.