O Concello da Coruña reconstruirá a duna da praia de Riazor tras os últimos temporais


Dependendo da climatoloxía, as tarefas poderían durar ata catro días. Vaise utilizar unha retroescavadora xiratoria de gran capacidade para facer unha gabia entre o muro do Paseo Marítimo e a propia duna que garanta que a auga non chegue á zona peonil. Tamén se empregará para subir a area da outra parte da duna á súa altura orixinal.

Para estas tarefas tamén se utilizarán tractores con pa para os extremos e haberá operarios que garantan a seguridade na zona. A reconstrución da duna dáse tras os últimos temporais na costa coruñesa, nos que foi necesario cortar o acceso peonil ao Paseo Marítimo ante a previsión de ondas de máis de oito metros. Finalmente, a estrutura de area resistiu, pero é necesaria a súa reparación para o resto do inverno. O Concello está a estudar un novo deseño para a barreira de area co fin de facela máis efectiva fronte á acción das ondas.