A alcaldesa, Inés Rey, presentou este mércores os actos que o Concello celebrará para conmemorar o Día das Letras Galegas 2025, que este ano está dedicado ás cantareiras e que a Real Academia Galega personificou en sete mulleres: Adolfina Casás, Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia Garrido e Asunción Garrido. Rey estivo acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Tamén participaron no acto artistas e agrupacións culturais coruñesas que participan no programa.
Este ano, o Día das Letras Galegas daralles voz ás cantareiras, «nun recoñecemento da nosa tradición oral como literatura viva e que perdura no tempo, de xeración a xeración, ata o día de hoxe», apuntou Inés Rey. «Desde o Concello celebramos este recoñecemento a mulleres que durante xeracións foron transmisoras da cultura popular, da lingua e da historia colectiva a través da música. O seu saber non está nos libros, senón na memoria compartida e nas palabras cantadas, o que pon en valor formas de literatura non escrita pero igualmente poderosas», engadiu a alcaldesa.
Durante o acto, realizado en María Pita, tamén tomaron a palabra Olga Kirk, de Donaire, en representación das asociacións culturais coruñesas, e Belém Tajes, unha das artistas que participarán nesta edición da Festas das Letras, con actuacións en distintos puntos da cidade. A alcaldesa, ademais, anunciou un acto de homenaxe ás cantareiras homenaxeadas este ano en María Pita o venres 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.