O Concello da Coruña celebrou o 175 aniversario do corpo de Policía Local da cidade cun acto presidido pola alcaldesa, Inés Rey. Entre outras autoridades, tomaron tamén parte no acto: Juan Francisco Arrazola Martinez, xeneral xefe do Mando de Apoio á Manobra; Fernando Suanzes Pérez, fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; María Rivas López, subdelegada do goberno na Coruña; e Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Seguridade Cidadá.
Baixo diferentes denominacións, a Policía Local da Coruña traballa de maneira ininterrompida desde o ano 1846 ao servizo da seguridade colectiva. «Son moitas as xeracións de policías locais que teñen dedicado a súa vida a unha das tarefas máis nobres que existen, a de salvagardar a convivencia, a seguridade e a tranquilidade dos cidadáns, aspectos fundamentais para poder garantir o libre desenvolvemento dos nosos dereitos como sociedade», sinalou Inés Rey durante o acto.
O salón de plenos municipal acolleu a entrega de distincións ás e os axentes polo seu traballo. Entregáronse medallas e diplomas aos funcionarios con 35 e 30 anos de servizo. Tamén recibiron unha homenaxe os policías xubilados no 2020 coa distinción de policías honoríficos. Por outra banda, distinguiuse especialmente aos axentes pola súa labor durante a primeira fase da Covid-19. Por último, tamén tiveron mención as e os funcionarios da Policía Local pola súa traxectoria exemplar.