O Concello da Laracha abrirá o martes a oficina de información turística de Caión

Durante os meses de verán a oficina municipal de turismo de Caión estará situada, do mesmo xeito que nos anos anteriores, nas instalacións da antiga reitoral de Caión, un espazo céntrico e emblemático desta vila costeira.

A apertura será este martes. O servizo funcionará os luns en horario de tarde (15:00 a 18:00 h), do martes ao venres estará operativo pola mañá e pola tarde (de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 h) e os sábados abrirá pola mañá (de 10:00 a 14:00 h). Os domingos será a xornada de descanso.

A oficina contará con persoal técnico especializado que proporcionará información sobre os principais recursos turísticos do concello da Laracha, así como doutros municipios da comarca de Bergantiños, da Costa da Morte e de Galicia en xeral.

A oficina de información turística funciona como punto de acollida e orientación para o visitante, e tamén como ferramenta para promover Caión como destino turístico de referencia pola súa riqueza patrimonial, natural e cultural, en especial durante o verán ao tratarse da época do ano de maior afluencia.

A través deste servizo os usuarios poderán coñecer en detalle a oferta local de praias, roteiros, festas, eventos, patrimonio histórico, establecementos hostaleiros e propostas de ocio.

Ademais da atención presencial, os interesados poden seguir a actualidade turística municipal a través das redes sociais oficiais e específicas nesa materia, dispoñendo de perfís en Facebook e Instagram.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño