O Concello da Laracha achegará en marzo as artes escénicas á vila de Caión


Caión volverá desfrutar durante o mes de marzo do seu ciclo de teatro co que o Concello da Laracha pretende achegar as artes escénicas á vila costeira.

Esta segunda edición do programa Teatro con salitre constará de tres funcións a celebrar os venres 3, 10 e 17 de marzo no centro sociocomunitario de Caión, todas elas a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta, e dirixidas ao público xuvenil e adulto (a partir de 13 anos de idade).

A compañía Fantoches Baj abrirá o pano o venres 3 de marzo con Auga que non vas beber. O venres 10 será a quenda para DEP, unha comedia de morte, da compañía Malasombra Producións. O ciclo pecharase o venres 17 con Pelos na lingua, o divertido espectáculo-collage de Talía Teatro.

Do mesmo xeito que na Laracha cos Venres Teatrais do mes de novembro e en Paiosaco coa Primavera Teatral de abril, o Concello pretende consolidar o programa Teatro con Salitre de Caión agora que a dispoñibilidade do centro sociocomunitario permite a organización na vila deste tipo de iniciativas culturais ao contar cos espazos e equipamentos necesarios.