O Concello da Laracha aclara a situación do proxecto de instalación dunha antena de telefonía xunto ao CEIP Otero Pedrayo

O Concello afirma que as últimas informacións emitidas polo grupo municipal do PSOE da Laracha sobre a instalación dunha estación base de telefonía na Botica, xunto ao CEIP Otero Pedrayo, son erróneas. O Concello fai as seguintes aclaracións para detallar as actuacións municipais desenvolvidas ao respecto desde decembro de 2023 e a normativa Xeral de Telecomunicacións de ámbito estatal vixente:

PRIMEIRO.- O 13 de decembro de 2023, trala presentación do proxecto, os servizos técnicos municipais requiriron á empresa promotora documentación complementaria ao detectarse deficiencias, trasladándolle tamén que o emprazamento proposto non se consideraba o máis axeitado pola súa proximidade ao CEIP Otero Pedrayo e polas características da instalación prevista, criterio que o Concello mantivo desde o inicio do procedemento e ata o momento actual.

SEGUNDO.- O 19 de decembro de 2023, ao iniciarse as obras sen contar coas autorizacións sectoriais necesarias nin coa documentación requirida, o Concello decretou a súa paralización, que se mantén a día de hoxe.

TERCEIRO.- O Concello informou desde o primeiro momento á comunidade educativa (dirección do centro, ANPA e Consello Escolar), ademais de emitir unha nota de prensa que foi recollida nos medios de comunicación e na web municipal:

https://www.alaracha.gal/gl/noticia/1991/o-concello-paraliza-a-obra-de-instalacion-dunha-antena-de-telefonia-mobil-na-parcela-contigua-ao-ceip-otero-pedrayo

CUARTO.- A Lei 11/2022 Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital, aprobada polo actual Goberno de España, establece no seu artigo 50 que para adoptar medidas que paralicen ou impidan este tipo de instalacións é necesario un informe previo e favorable do Ministerio competente, sen o cal non é posible adoptar ese tipo de resolucións. Por este motivo, é un bulo trasladar á cidadanía que o Concello poida impedir a instalación por decisión propia, xa que a súa actuación está condicionada polo cumprimento da legalidade estatal vixente. O Estado ten competencias exclusivas en canto á regulación da rede de telecomunicacións.

QUINTO.- Ante o cambio normativo, na situación actual este tipo de actuacións tramítanse mediante declaración responsable, o que limita a intervención municipal á comprobación do cumprimento dos usos do solo e das autorizacións sectoriais esixibles.

SEXTO.- O Concello empregou todas as ferramentas legais ao seu alcance para impedir a execución do proxecto, como demostra a paralización das obras, orde que continúa en vigor. A empresa promotora solicitou o seu levantamento o pasado día 20 de marzo alegando, entre outras cuestións, que aínda que a proximidade ao colexio podería catalogarse como “zona sensible”, non pode utilizarse como limitación do emprazamento segundo o punto 2.6.2 da citada Lei Xeral de Telecomunicacións ao non producir “absolutamente ningún impacto sobre a saúde das persoas”. Tamén alega a promotora, ao abeiro da mesma Lei e da xurisprudencia ao respecto, a imposibilidade de determinar o emprazamento por parte dos Concellos.

SÉTIMO.- A información e transparencia por parte do Concello foron constantes ao longo de todo o proceso: informouse publicamente da paralización das obras en decembro de 2023, celebrouse unha Xunta de Portavoces (da que se emitiu nota de prensa) para explicar esta cuestión o pasado 26 de marzo —coa participación dos tres grupos municipais, incluído o socialista— e o expediente está a disposición de todos os concelleiros da Corporación municipal.

  • Comunicado de prensa da Xunta de Portavoces do 26 de marzo de 2026:

https://www.alaracha.gal/gl/noticia/1975/o-concello-informa-da-situacion-administrativa-da-estacion-base-de-telefonia-proxectada-na-botica-xunto-ao-ceip-otero-pedrayo

OITAVO.- O Concello continuará facendo o seguimento do expediente dentro das súas competencias.

NOVENO.- Finalmente, o Concello apela á responsabilidade e ao rigor de todos os representantes públicos á hora de abordar cuestións desta sensibilidade, evitando afirmacións que poidan xerar confusión entre a comunidade educativa e a veciñanza.

Related posts

A Deputación da Coruña convoca a oitava edición dos Premios PEL

A Xunta adxudica por máis de 1 M€ a obra de rehabilitación integral do Colexio O Areal de Camariñas

A Xunta confirma que executará a limpeza dos 10 km de vías solicitados polo Concello de Camariñas