O Concello da Laracha acondiciona a praia de Caión e o seu entorno de cara á Semana Santa

1 minutes read

A praia de Caión e o seu entorno están a ser obxecto dunha completa intervención municipal co propósito de que estean nas máis óptimas condicións de cara á  Semana Santa. Estas actuacións están contempladas no contrato do servizo de limpeza viaria, polo que son executadas pola empresa concesionaria a instancias do Concello.

Na praia os traballos fanse de dous xeitos complementarios. Empréganse medios mecánicos para acometer o cribado en toda a superficie e a nivelación de area nos puntos que así o requirían debido ao arrastre provocado nos últimos meses pola forza das mareas. Ao mesmo tempo, unha cuadrilla encárgase da recollida de lixo por medios manuais.

Simultaneamente, realízanse as actuacións oportunas de limpeza e acondicionamento nos accesos á praia, no Sendeiro de Saldoiro e nas zonas de aparcamento de vehículos.

Ante a previsión dunha maior afluencia de persoas á vila de Caión durante os próximos días, desde o goberno municipal considérase que ofrecer aos usuarios da praia un areal en boas condicións de hixiene e salubridade, cómodos accesos e alta calidade de servizos no seu entorno, ademais de beneficiar á veciñanza do municipio en xeral será, tamén, un importante incentivo para atraer turistas e visitantes durante a Semana Santa, posibilitando reforzar a actividade económica na localidade, especialmente no sector da hostalería.