- O proxecto prevé un aeroxerador preto do núcleo de Alvite, en Caión, que afectará ao lugar a nivel de poboación, paisaxístico e medioambiental.
O Concello da Laracha presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Pedra Queimada, que prevé a instalación de dous aeroxeradores de 5,7 MW de potencia nominal unitaria: un preto do núcleo larachés de Alvite (Caión) e outro en Arteixo, na parroquia de Monteagudo.
O Concello oponse ao proxecto xa que o aeroxerador previsto está moi preto de núcleos do poboación rural (Alvite, Xermaña, O Outeiro, Goxán e O Campo da Costa) e ademais terá un impacto negativo a nivel paisaxístico e medioambiental.
Por outra parte, tendo en conta a aparición concorrente de parques eólicos en zonas moi próximas -como é o caso do de Pedra Queimada e o de Monteagudo, tamén en fase de tramitación-, o Concello intúe que podería terse fragmentado un proxecto inicial único coa intención de que os dous parques se sometan a unha avaliación simplificada e, así, «non ter que afrontar unha común, máis complexa e que presentaría maiores dificultades para superar o impacto que tería no territorio e na poboación», afirman desde o goberno local.
O Concello manterá en relación ao parque eólico Pedra Queimada a mesma posición que tivo co resto de proxectos de parques eólicos localizados no termo municipal larachésa e os das súas correspondentes liñas eléctricas de evacuación que estiveron en exposición pública nos últimos meses (Monteagudo, Carboeiro e Coto Loureiro).
O proxecto do parque eólico Pedra Queimada estará ata o 17 de agosto en exposición pública, data ata que calquera particular poderá presentar as correspondentes alegacións, suxestións, achegas e opinións ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Nese sentido, o Concello porá nos próximos días na web municipal a disposición da cidadanía un modelo tipo de alegacións contra o parque eólico.