O Concello da Laracha aproba os orzamentos máis altos da súa historia

4 minutes read

O Concello contará no ano 2024 co maior orzamento da súa historia despois de que o Pleno aprobase este venres con carácter inicial o límite de gasto financeiro, o cadro de persoal e o presuposto para o próximo exercicio económico. As contas, que alcanzan os 10.970.000 euros e están equilibradas en ingresos e gastos, presentan un incremento do 11,37 % con respecto ao orzamento anterior. Saíron adiante cos votos a favor do grupo de goberno (PP) e en contra dos tres edís do BNG e da concelleira presente do PSOE.

Os nacionalistas afirman que estas contas cargan nas costas da veciñanza nestes momentos de dificultades económicas debido á inflación unha boa parte dos custos dos servizos públicos que a administración ofrece, non lles parece axeitado. E máis aínda cando din ver que o propio grupo de goberno non aplica para si mesmo este esforzo fiscal, tendo en conta o incremento dos seus soldos.

O Grupo Socialista cualificou os orzamentos como os do “sablazo fiscal ás larachesas e laracheses” xa que os impostos directos medran un 11,52 %, unha cifra moi elevada fronte ás proxeccións do 2023 aumentando a carga fiscal sobre a veciñanza. A concelleira Inés Ramos sinala que o equipo de goberno do Partido Popular prefire “recadar a xestionar mellor os cartos de todas e todos os laracheses.”

O alcalde, José Manuel López Varela, comezou a súa intervención agradecendo o labor do persoal adscrito aos servizos económicos do Concello “para poder traer ao Pleno os orzamentos antes de final de ano”.

A continuación fixo un percorrido por todos os capítulos do presuposto. En relación ao de gastos correntes en bens e servizos, que supera os seis millóns de euros e supón o 55 % do total, inclúense neste apartado os custes de servizos municipais básicos -entre eles, mantementos, limpeza e iluminación pública-, contemplándose as estimacións da revisión á alza que implica o incremento do prezo das fontes enerxéticas. Outros programas incluídos nesta área son os culturais e deportivos, garantindo por tanto a ampla oferta para todos os públicos, tanto de eventos como de actividades, que se leva a cabo ao longo de todo o ano baixo a organización directa do Concello. Do mesmo xeito, tamén se mantén o apoio económico ao tecido asociativo municipal.

O rexedor puxo en valor o esforzo do Concello coa protección social, a promoción do emprego e o apoio ao sector comercial que se manifesta nos orzamentos, subliñando que “A Laracha conta cun nivel de servizos e infraestruturas equiparable a concellos que nos triplican en poboación e en presuposto”, polo que concluíu que se tratan dunhas contas solidarias.

Tamén destacou o esforzo investidor, con 1,3 millóns de euros (o 12,13 % do total dos orzamentos) que terán por fin o financiamento de proxectos de mellora de infraestruturas públicas e equipamentos relacionados coa sustentabilidade e cunha máis óptima xestión dos residuos. Trátase da instalación de placas fotovoltaicas para o autoconsumo eléctrico de edificios municipais, a ampliación do punto limpo e a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo. Tamén quedan consignadas partidas orzamentarias para o Plan de conservación da rede viaria municipal e para a compra dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. Ademais, no capítulo 7 (transferencias de capital) inclúense os máis de 108.000 euros da achega municipal para as obras de construción do novo depósito de auga e a mellora da estación potabilizadora de Gabenlle. E outros investimentos que se realizarán en 2024 son a rehabilitación integral da Casa do Concello, a reforma da casa reitoral de Montemaior e a mellora dun tramo do paseo marítimo de Caión.

Afondando neste capítulo, José Manuel López Varela apuntou que “actualmente temos en execución ou en proceso de contratación proxectos de investimento en infraestruturas por un importe de 3.438.695 euros”.

No capítulo de persoal o presuposto contempla o incremento do 2 % das retribucións actuais segundo o previsto no Acordo Marco cos sindicatos para o período 2022-2024. Esta actualización de salarios é porcentualmente idéntica nos correspondentes ao funcionariado, ao persoal laboral e aos membros do grupo de goberno con dedicación exclusiva, polo que o alcalde expresou que a valoración dos grupos da oposición, que afirmaron que a subida dos soldos da parte política era do 15 %, se trata dunha “mentira totalmente intencionada”.

López Varela finalizou recalcando que as contas son “cautas e prudentes como as que facemos anos tras ano”, destacando a “moitísima precaución que presentan nos ingresos” e achegando o dato de que no exercicio actual o orzamento non alcanzaba os dez millóns de euros e vai pecharse en case quince millóns, o que supón un incremento de máis do cincuenta por cento con respecto ás previsións iniciais.