O Concello da Laracha condena o vandalismo contra a cartelería política

O Concello da Laracha denuncia publicamente os actos vandálicos que se produciron na pasada fin de semana contra a cartelería de partidos políticos que concorren ás eleccións xerais do 28 de abril.

Na vila da Laracha foron queimadas bandeirolas do Bloque Nacionalista Galego que estaban colocadas en farolas, polo que tamén se provocaron danos na iluminación pública e se puxo en perigo a seguridade dos edificios residenciais das súas proximidades.

Ademais, en diferentes puntos do termo municipal foron arrincados dos paneis informativos os carteis electorais do Partido Popular.

Desde o Concello da Laracha emitiron un comunicado no que lamentan estes actos vandálicos e rexeitan profundamente calquera acción que enturbe o convivir democrático da cidadanía e dificulte o correcto desenvolvemento das campañas electorais.

Así mesmo, mostran o seu respecto a todas e cada unha das formacións políticas e velarán para que se cumpra con garantías o seu dereito de publicitar as candidaturas e ofrecer información sobre os seus programas á cidadanía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha