O Concello da Laracha contratará 40 persoas este verán

A chegada da época do verán implica a necesidade de poñer en marcha ou reforzar determinados servizos municipais por cuestións de seguridade cidadá, mantemento en bo estado de zonas verdes e dos espazos públicos en xeral, prevención de incendios e atención aos turistas e visitantes. Cada ano por estas datas o Concello da Laracha convértese nun importante xerador de emprego e nesta ocasión serán corenta as persoas que está previsto contratar para prestar servizos de interese xeral durante os próximos meses.

Os procedementos que están en fase de selección son os correspondentes ás sete persoas que formarán a cuadrilla municipal de obras e servizos no marco do Plan de Emprego Local (PEL 2020), as dez das brigadas contra incendios e tamén o técnico que estará á fronte das oficinas de turismo municipais.

Ademais, xa está presentada a oferta na oficina de emprego para a contratación, a través do programa APROL Rural, de catro efectivos para formar os equipos de protección e conservación medioambiental.

Nesa mesma situación está o procedemento de contratación de dous socorristas para a praia de Caión que se sumarían aos seis máis o coordinador que comezarán a prestar os seus servizos no areal nos próximos días a través da empresa que resultou adxudicataria do contrato licitado polo Concello.

Ademais, as cuadrillas municipais de limpeza de praias contarán neste ano cun total de sete efectivos. O procedemento de selección iniciarase nos próximos días.

O Concello tamén ten previsto reforzar os servizos sociais municipais coa incorporación dun novo traballador social. Nestes momentos estanse a redactar as bases do procedemento.

Salientar tamén que o Concello convocará tres bolsas de emprego para os postos de peón de instalacións deportivas, auxiliar de centros da terceira idade e auxiliar de biblioteca, nestes casos co propósito de crear as listas para substitucións puntuais dos funcionarios titulares desas prazas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha