O Concello da Laracha convida á cidadanía a facer uso do Punto Limpo

1 minutes read

O Concello da Laracha recorda á veciñanza que entre os servizos gratuítos que se ofrecen a través do punto limpo está a xestión dos plásticos de orixe agrícola (silo e invernadoiros).

Calquera persoa que desexe desfacerse deste tipo de residuos debe poñerse en contacto con Aspaber vía telefónica (981971100 e 647763276) ou por correo electrónico (puntolimpolaracha@aspaber.com).

Recollida de voluminosos a domicilio

O Concello tamén lembra que a cidadanía larachesa ten á súa disposición de xeito gratuíto a recollida domiciliaria de voluminosos. Cunha simple chamada a Aspaber pódese concertar cita para que se lle recollan na porta da súa vivenda electrodomésticos, mobles ou calquera outro material de grandes dimensións que se precise desbotar.

Neste sentido, o Concello lamenta o xurdimento ocasional de vertedoiros incontrolados deste tipo de material, como o detectado xunto ao cemiterio da parroquia de Erboedo, onde foron depositados tres sofás.

O servizo de recollida de voluminosos será mellorado coa adquisición dun camión de carga que se adquirirá nos próximos días e que será empregado como punto limpo móbil. Investiranse máis de 58.000 euros co apoio económico da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG Núm. 92 do 13 de maio de 2020).