A principios de ano, o Concello da Laracha iniciou o proceso de elaboración dunha diagnose e un Plan Local da Infancia e da Adolescencia, así como a posta en marcha dun mecanismo para a participación das nenas, nenos e adolescentes. Este conta coa pretensión de consistir nun espazo no que a infancia e a adolescencia poida trasladar as súas necesidades, inquedanzas e as súas ideas de mellora para A Laracha, resultando nunha canle bidireccional entre o Concello e os nenos e nenas escollidos polos seus iguais como “conselleiros”.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López, destacou que “a creación deste espazo suporá un gran avance para o garante do dereito á participación das nenas e nenos, o cal contribuirá a unha mellora non só do seu benestar, senón tamén ao do conxunto da cidadanía”. Así mesmo, incidiu que este fito tamén permitirá que o Concello da Laracha se postule como municipio candidato ao recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia que outorga Unicef.
Neste proceso foi clave a colaboración dos centros educativos, e así foi que para dar a coñecelo e para identificar as necesidades e as propostas da rapazada, foron realizados encontros participativos cun total de 14 grupos do CEIP Alfredo Brañas, CEIP de Caión, CEIP Otero Pedrayo e IES Agra de Leborís, contando coa participación de 266 alumnos e alumnas. Tras a celebración destes encontros nas aulas, cada grupo escolleu aos seus dous representantes para formar parte do incipiente Espazo de Participación da Infancia e a Adolescencia, sendo elixidos un total de 31 nenos e nenas, pertencentes aos cursos de 5º e 6 de Educación Primaria e 1º de Educación Secundaria Obrigatoria.
Celebrouse o encontro de constitución do Espazo de Participación
A este encontro asistiron as rapazas e rapaces escollidos como representantes polos seus iguais, e, en calidade de oíntes, as súas familias e o persoal docente dos seus centros educativos. Así mesmo, contou coa presenza do Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a Concelleira de Sanidade, Servizos Sociais, Igualdade, Emprego e Promoción Económica, Rocío López Rey. Unha das nenas mencionou que o que lle motivou a participar neste Espazo consiste en “darlle voz aos meus compañeiros e compañeiras de clase, e aportar ao concello, xa que todas e todos nos veremos beneficiados por esas melloras”. Tamén se fixo fincapé na necesidade da participación infantil; así, un neno incidiu na importancia de “que se teña en conta a nosa opinión [a dos nenos, nenas e adolescentes]”.
Procederase á validación da diagnose da situación da infancia e da adolescencia
De forma paralela á creación deste espazo, vén elaborándose unha diagnose sobre a situación da infancia e a adolescencia, abordando cuestións referidas a, por exemplo, os recursos e servizos educativos dispoñibles no municipio, aos equipamentos e as actividades culturais e deportivas dirixidas a estas idades, á súa mobilidade e á seguridade viaria, ou ao uso do espazo público. Esta análise, que constituirá o punto de partida para a elaboración do I Plan Local da Infancia e a Adolescencia, será presentada ao persoal das diferentes áreas e departamentos do Concello da Laracha.
Esta diagnose, segundo Rocío López, quen destacou o carácter participativo da mesma, “contribúe a un maior coñecemento das necesidades e retos que ten o municipio para a mellora do benestar social da poboación infantil en particular e da cidadanía larachesa en xeral”.