O Concello da Laracha considera necesario aclarar publicamente diversas afirmacións realizadas polo grupo municipal socialista en relación coa contorna do CEIP Ramón Otero Pedrayo, ao entender que non se corresponden coa realidade e poden xerar alarma innecesaria entre a veciñanza.
En primeiro lugar, desde o Concello afirman que é rotundamente falso que se estean a executar obras na contorna inmediata do centro educativo. Actualmente, e desde hai meses, non hai ningunha obra nin traballos de ningún tipo desenvolvéndose nesa zona promovidos polo Concello ou por outra administración pública. Sorprende que se difundan informacións que parten dunha premisa falsa ao tratarse dun feito facilmente comprobable in situ.
Do mesmo xeito, proseguen desde o Concello, non é certo que a estrada estea enlamada. Como consecuencia das intensas precipitacións rexistradas nos últimos días, puideron aparecer algunhas pozas de xeito puntual, situación habitual en episodios de chuvia forte e que en ningún caso se corresponde cunha situación de perigo xeneralizado como é o escenario descrito polo grupo socialista. Acompáñase esta nota de prensa cunha fotografía tomada este mesmo luns, tamén baixo a chuvia, que acredita de maneira obxectiva o estado real da estrada no acceso ao colexio.
O que si se rexistrou foi un volume de tráfico superior ao habitual e retencións puntuais nos últimos días. Esta situación estivo directamente relacionada coa folga do transporte escolar, que obrigou a que por cada autobús que presta servizo habitualmente, accedesen á zona ducias de vehículos particulares. Trátase dun feito excepcional que, loxicamente, tivo impacto nun centro ao que acoden diariamente máis de 600 alumnos.
Ante esta circunstancia, a Policía Local estivo presente dirixindo o tráfico para reforzar a seguridade viaria, e cómpre lembrar que está establecido o sentido único de circulación na rúa José Añón nas horas de entrada e saída precisamente para facilitar a mobilidade e axilizar a tráfico cara o centro educativo.
Desde o Goberno local considérase especialmente grave que o grupo municipal socialista difunda bulos sobre cuestións que afectan á seguridade na contorna escolar e á tranquilidade das familias. A crítica política é lexítima, pero debe basearse en informacións veraces e contrastadas, non en falsidades, especialmente cando se trata de cuestións que afectan á seguridade no colexio con maior número de alumnos do municipio, conclúen.