O Concello da Laracha estuda novas medidas para axudar aos hostaleiros

2 minutes read
  • Suspéndese o programa do Entroido, pero a feira de Paiosaco celebrarase este domingo

Na reunión da comisión de seguimento ante a Covid-19 na Laracha, celebrada este venres, acordáronse varias actuacións para cumprir coas novas medidas sanitarias impostas pola Xunta de Galicia.

No que atinxe á hostalería, o Concello manifestou a súa vontade de adhesión ao fondo de cooperación fronte á Covid-19 acordado entre o sector e a Xunta para canalizar as novas axudas, que se financiarían con achegas das administracións autonómica, provincial e municipal. Ademais, de acordo aos informes técnicos, estase a estudar a posibilidade de aplicar bonificacións na taxa de recollida de lixo aos locais hostaleiros.

Outro dos puntos comentados durante a xuntanza da comisión de seguimento foi a feira de Paiosaco, que terá lugar este domingo seguindo as pautas habituais durante as últimas celebracións: os postos asignados contarán coa metade do seu espazo e manteranse as distancias establecidas. Ademais, lémbranlle a todos os vendedores non profesionais de produtos do campo e aos compradores que acudan á feira que deberán cumprir coa normativa sobre as restricións de mobilidade.

Os membros da comisión tamén decidiron suspender a programación municipal do Entroido e, en materia deportiva, destacaron que o Concello pechará as instalacións ás 21:45 horas xa que os deportistas federados poderán circular ata á súa vivenda máis alá das dez da noite. No caso da piscina da Laracha, o peche será ás 22 horas.

Máis controis nas estradas

A Policía Local, en coordinación coa Garda Civil, intensificará os controis nas estradas para garantizar o cumprimento das restricións da mobilidade. A localidade da Laracha non está pechada perimetralmente, pero si o están todos os municipios limítrofes (Arteixo, Carballo, Cerceda e Culleredo).

Parques infantís abertos e aforo dun terzo nas igrexas

O Concello manterá abertos os parques infantís e continuará realizando as correspondentes desinfeccións.

Ademais, as novas restricións na celebración de actos de culto estipulan que a capacidade máxima no interior das igrexas será dun terzo do seu aforo.