O Concello da Laracha facilita aos veciños a documentación para alegar contra o parque eólico do Carboeiro


  • Os documentos atópanse na web municipal e poderán presentarse ata o 4 de xullo, día no que remata o período de exposición pública.

Este xoves o Concello da Laracha puxo a disposición da cidadanía dous documentos tipo de alegacións contra o proxecto do parque eólico Carboeiro e a súa liña de evacuación, que se atopan en período de exposición pública ata o próximo 4 de xullo. Estes documentos poden descargarse na web municipal (alaracha.gal).

O proxecto contempla a instalación de oito aeroxeradores de 4,5 MW de potencia unitaria, dous deles situados na zona alta da parroquia de Erboedo. Entre os argumentos técnicos que esgrime o Concello sobre a viabilidade do parque eólico están a necesidade de incluír un estudo máis profundo das posibles afeccións ambientais e paisaxísticas, así como o impacto visual e acústico. Tamén se solicita que a promotora realice un estudo da captación de augas veciñais na zona, especialmente na parcela na que se situaría a subestación.