- Haberá actividades nas trece parroquias. A inscrición, gratuíta, abre o mércores.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, presentaron o novo programa municipal Saudables centrado no envellecemento activo e na prevención da soidade non desexada. A iniciativa desenvolverase desde o mes de outubro e ata xuño cos obxectivos de mellorar a saúde física e mental das persoas participantes a través de actividades de carácter preventivo relacionadas co deporte, o emprego das tecnoloxías e a promoción da convivencia social.
Saudables inclúe cinco propostas diferentes e complementarias entre si:
- Alfabetización e memoria, para exercitar a mente e manter capacidades cognitivas activas.
- Alfabetización dixital, orientada a aprender a usar o teléfono móbil e aproveitar as súas utilidades na vida diaria.
- Taller de intelixencia emocional, que combina dinámicas como risoterapia, autoestima ou identificación de emocións para favorecer o benestar persoal.
- Marcha nórdica, actividade física ao aire libre que mellora a resistencia e a mobilidade mediante andainas empregando os bastóns.
- Baile en liña, unha forma divertida de facer exercicio e compartir tempo en grupo.
Un aspecto salientable é que haberá actividades nas trece parroquias do municipio para favorecer que todas as persoas poidan participar, independentemente de se residen en zonas urbanas ou rurais.
A inscrición é gratuíta, abrirase o mércores (17 de setembro) e deberá formalizarse no Edificio Administrativo da Laracha. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.
O Concello é o promotor do programa Saudables e conta para o seu cofinanciamento coa colaboración da Deputación da Coruña a través do Plan Único Concellos. Esta iniciativa compleméntase coas actividades culturais e deportivas que tamén ofrece o Concello durante o inverno.
Con este novo programa o Concello reafirma o seu compromiso con ofrecer á veciñanza oportunidades para manterse activa, saudable e participativa, abrindo espazos que fortalecen a convivencia e preveñen situacións de illamento social.