Faino cunha nova edición do programa Agasalla comercio local, ten premio co obxectivo de dinamizar o sector incentivando as compras dos cidadáns nos pequenos establecementos e servizos do termo municipal.
O formato será similar ao das edicións anteriores. O Concello repartirá entre os establecementos e servizos adheridos tarxetas rasca e gaña, que deberán ser distribuídas entre os seus clientes. Nesas tarxetas poderanse obter premios directos con bonos para empregar en calquera dos establecementos e servizos adheridos e poder descontar o prezo das súas compras no prazo que se determinará nas bases do programa e que concluirá tralas festas do Nadal. Tamén se incluirán tarxetas premiadas cos agasallos que acheguen voluntariamente os negocios participantes se así o desexan.
As tarxetas sen premios directos terán unha segunda oportunidade. Depositándoas cos datos persoais nas urnas que habilitará o Concello en diferentes puntos do termo municipal, entrarán no sorteo de agasallos.
O Concello investirá en Agasalla comercio local, ten premio 15.000 euros en bonos co triplo obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a importancia de facer as compras no comercio de proximidade como principal motor do desenvolvemento local e de creación de emprego no termo municipal, fidelizar á clientela por medios dos bonos que revertan no consumo dos propios establecementos adheridos e subvencionar as compras dos cidadáns nas datas previas ás festas do Nadal.