O Concello da Laracha informa á cidadanía sobre o proxecto do parque eólico de Meirama

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

O Concello da Laracha está a estudar a documentación para remitir as correspondentes achegas, suxestións e opinións durante o período de información pública. Así mesmo, o persoal técnico do Concello está a disposición da cidadanía para ofrecer a información oportuna sobre este proxecto de parque eólico e, de ser o caso, asesorar aos cidadáns que estimen oportuno presentar alegacións a título individual.

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia terá en información pública ata o 22 de decembro a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Meirama.

Contempla a instalación de seis aeroxeneradores preto do límite entre os termos municipais da Laracha e de Cerceda cunha potencia máxima total de 21 MW. Catro deles están previstos na larachesa parroquia de Soandres, na zona coñecida como Monte da Cabra. Os núcleos de poboación máis próximos son A Ferradura e Silvoso.

A documentación completa sobre proxecto do parque eólico Meirama está dispoñible nesta ligazón ao portal da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0242.html